Saltar ao contido

Palleiro

Na Galipedia, a Wikipedia en galego.
Palleiro na provincia da Coruña

Un palleiro é unha morea de palla, tamén chamado meda ou palleira. Tamén recibe o nome de palleira a estrutura, xeralmente un alpendre, destinada a gardar a herba enxoita e a leña para queimar, denominada neste caso tamén pallal, pallar, pallarega ou pallete. O palleiro é moi común na tradición agrícola galega e aínda hoxe constitúe un elemento de importancia, xa non só agrícola, senón tamén a modo de tradición cultural.

O lugar habitual dunha palleira é a eira, malia que calquera terreo pode ser acondicionado para ese fin.

Adoita ter forma de cono, coa palla mallada disposta arredor dun pau ergueito. Na parte inferior en contacto co chan faise unha base de pólas e ramallos para evitar a humidade. Tradicionalmente, para protexela da choiva, a palla era cuberta cun carapucho feito de colmo. Actualmente utilízase un plástico protector, que polo xeral é unha peza única de cor negra que se cingue arredor da palla con cordeis, pedras que o asenten no chan ou outros trebellos similares.

Etnoloxía

[editar | editar a fonte]

O palleiro formaba parte da vida agrícola.[1] En Galicia o can autóctono recibe o nome de can de palleiro porque adoitaba durmir nas construcións destinadas a gardar a palla. Ao fillo ilexítimo ou natural tamén se lle coñece coma fillo de palleiro. O refraneiro galego está cheo de frases con este termo:

  • Non quedar can tras palleiro, en sentido metafórico dá a entender que nada se deixou esquecido, que se rexistrou e todo está comprobado polo miúdo.
  • Pódeste ir p'rao palleiro, díselle ao cativo que leva un bo anaco de pan ou á persoa maior que comeu até fartar.
  • Vaste p'rao palleiro?, díselle tamén á persoa que ao servirse a carne, escolle a que ten máis ósos por ser a que máis gosta.
  • Palleiro sen palla non se fai, dise dunha persoa pouco curiosa no seu traballo, que o fai a eito. Tamén se di da persoa grosa que come demais a xeito de xustificación.

Outras frases:

  • Cando se acende o palleiro, arde máis axiña o vello.
  • De palleiro que se queima faíscas saen.
  • Mete o 'pidincheiro' no teu palleiro, e faráseche o teu herdeiro.
  • No palleiro, ben dorme o que anda ao 'vintimperio'.
  • No palleiro, non fagas lume nin co esqueiro.
  • O palleiro vello arde máis axiña.
  • O palleiro vello, cando se acende, malo é de apagar.
  • O vello palleiro, cando se acende, arde todo enteiro.
  • Pallas ao palleiro, galiñas ao galiñeiro.
  • Pallas ao palleiro, vellas ao fiadeiro.
  • Palleiro sen palla non se pode facer.
  • Palleiro vello, logo se acende.
  • Palleiro vello, logo se queima.
  • Se metes ao ruín no teu palleiro, xa verás como queda de teu herdeiro.
  • Ti enche o palleiro, de palla ou palloeiro.

Véxase tamén

[editar | editar a fonte]

Outros artigos

[editar | editar a fonte]
  1. Colectivo Vaipolorío Gafos (2013). O palleiro de herba.